A Xunta pon en marcha campaña para impulsar comercio en prazas de abasto

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, presentou nesta mañá a campaña 'Neste inverno presume de praceiro' co que pretenden posicionar as prazas de abasto como líderes na venda de produto fresco e perecedoiro.

Nunha rolda de prensa, Castro expresou que as prazas de abasto ocupan un lugar destacado na economía galega, xa que actúan como escaparate da calidade dos produtos locais e son visitados non só por clientes habituais, mais tamén polos turistas.

Segundo datos da Xunta, en toda a Comunidade hai 4.233 postos distribuídos en 104 prazas de abasto, o que xera un total de 4.500 postos de traballo.

'O obxectivo trazado pola nosa consellaría é atinxir a transformación das prazas de abasto nunha rede de centros especializados en produtos de compra cotiá, onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia, capaz de unir a tradición de compra coa modernización actual', expresou Castro.

Esta será a segunda edición da campaña, en que os compradores poderán escoler o praceiro do ano a través do voto popular.

No ano pasado conseguíronse máis dun millón de votos, que supuxeron outras tantas vendas nas prazas de abasto durante o mes e medio que durou a campaña.

Tamén foron premiados 534 clientes entre os que foron repartidos 26.700 euros en bonos para comprar novamente nas diferentes prazas de abasto.

'Eses bos resultados e o interese dos propios praceiros e os concellos, xustifican o desexo e o esforzo da Xunta de Galicia en impulsar esta nova edición da campaña en 2011', sostivo Castro.

A iniciativa púxose en marcha no período previo ao Nadal, ente 12 e 23 de decembro e retomarase nas primeiras semanas do ano, entre 9 e 20 de xaneiro.

'Esta campaña tamén ten como obxectivo pór de manifesto a profesionalidade de nosos praceiros, o seu coidado no ofrecemento dun produto fresco, o seu asesoramento de como escollelo, a súa proximidade e o seu trato humano, que marca a diferenza con outros formatos comerciais', puntualizou Castro.

Te puede interesar