LO VEO

A moda é diversión

Cristina Blanco reformou o local de cortinas da súa nai nas galerías sol nun espazo pensado para vestir, educar e, sobre todo, divertir ós máis cativos. Alí, aposta por prendas ecolóxicas e sostibles sen perder de vista o colorido e a orixinalidade. 

A moda é diversión

Cal é a historia de Mamalúa?

Nace no momento no que quedo embarazada de Xana e decido deixar o traballo no que estaba, que era do meu ámbito pero cun contrato bastante precario. A miña nai tivo durante máis de 20 anos unha tenda de cortinas neste mesmo local e ó pouco íase xubilar, entón lanceime á aventura. O feito de poder conciliar, coidar da miña filla os seus primeiros anos, motivoume un montón! 

Que filosofía segues como negocio?

Quería un espazo que fose tamén lugar de encontro de familias. Tanto a tenda como a aula forman parte case dunha filosofía de vida. Eu sempre quixen ser profesora e esa vocación contén as miñas inquedanzas vitais, a educación como principal motor para mudar as cousas. Pero a educación sen sexismo, sen violencia, con profundo respeito polas crianzas e polo planeta no que vivimos. Así, os nosos productos son, na súa inmensa maioría, de madeira, ecolóxicos, de algodón orgánico, feitos por artesáns, fabricados en condicións laborais dignas, coeducativos, reciclados e que fomentan o movemento libre e cómodo, o xogo creativo... Ó igual que as actividades na nosa aula, son para pasar tempo en familia, con pedagoxías alternativas.

Como ten ido evolucionando o sector da moda infantil?

Eu levo moi pouco tempo aínda e non son para nada unha experta en moda, pero o que vexo é a necesidade vital dos nenos de iren cómodos, para poder xogar, ensuciarse, moverse con liberdade. No que está ou non de moda non penso, a verdade. Aínda que mirando as redes sociais, que agora mesmo son as que dictan case todo, vexo moito branco e negro dende bebés. A min iso encántame, así que temos diso en Mamalúa, pero tamén moita cor e debuxos divertidos. 

É tan cambiante como a moda para adultos?

Non sei se tan variable, pero máis divertida si que é. Cantas mamás entran na tenda desexando ter esta roupa nas súas tallas!

Quen marca as tendencias?

Agora mesmo todo está nas redes sociais, así que as famosas bloggers mamás fan moitísimo.

contas cun perfil de cliente definido?

Moito non, teñen entrado familias de todo tipo. Igual hai familias que veñen porque lles interesa un curso en concreto, pero non lles gusta a roupa, ou persoas que veñen por algún conto ou xoguete, pero non participan nunca das actividades... É verdade que normalmente veñen persoas que comparten filosofía parecida en canto a crianza, pero non só. 

Os clientes son os pais ou os nenos? 

Son familias. Ós nenos non lles entusiasma probar e mercar, pero si vir a Mamalúa porque é unha tenda para eles. Hai dúas palabras para elixir unha prenda: orixinal e cómoda. 

Os teus clientes medran rápido e a ropa logo lles queda pequena. En que basean os pais a compra? 

Penso que son familias que valoran máis ter un par de camisetas que lles gusten e de bo algodón, que non dez que se poñan ‘feas’ no primeiro lavado. O mesmo ocorre co calzado. Hai outras familias que simplemente valoran a orixinalidade da roupa que traemos. Non temos moito stock, non nolo podemos permitir e ademais é unha maneira de que os peques non vaian todos iguais pola rúa. Posiblemente se mercas aquí un vestido, por exemplo, non te cruzarás a ninguén máis co mesmo. 

Apostas pola moda sostible. En que medida é isto posible nun público que agota tan rápido as prendas? 

As prendas vanlle quedar pequenas algún día sexan de algodón orgánico ou non. E o máis seguro é que estas prendas que temos aquí duren moito máis e poidan ser usadas ata que xa non sexa posible de ningunha maneira ou pasar a outro irmán porque son unisex. A miña filla aínda leva camisetas e leggins do ano pasado. 

Tamén apostas pola decoración, xogos e contos.

Si, o da decoración penso que me ven de miña nai. Encántanme os detalles e a beleza das cousas sinxelas. Os xoguetes de madeira duran infinitamente, mudan o xogo segundo a idade e cando non estan xogando con eles, quedan ben na habitación (risas). Gústannos moito tamén os contos que educan en valores, algúns son verdadeiras obras de arte.

Eu adoro poder traer a Mamalúa unha pequenísima selección de contos tan fermosos, con mensaxe e que os nenos se identifiquen con historias reais. Sen quitarlle valor ós clásicos, tamén é moi necesario ler e ver outras historias, outros finais que empoderen, que te fagan perseguir os teus soños, que falen de realidades sociais....