LA REVISTA

Criar atmósferas

Esta novela, La chica del tren, de Paula Hawkins vén sendo un dos “best-sellers” máis universais dos últimos anos.

Esta novela, La chica del tren, de Paula Hawkins (traducida con eficacia ao español por Aleix Montoto) vén sendo un dos “best-sellers” máis universais dos últimos anos. Non soamente polo xénero do que se chama, hai “thrillers” a esgalla, de autores tan dispares que mudan o choio no conto de nunca acabar, senón -supoño- porque o xeito de narrar da Hawkins, polo demais quen de criar atmóferas morbosas ao Patricia Highsmith, tendo un aquel (pouco) de dificultade, fai que o lector se sinta tratado como un ser pensante. Engaiolado, igualmente, polas maneiras de gavear polos banzos dunha historia de deduccións, na liña de Agatha Christie, digamos. Non soamente iso, a Rachel protagonista, a rapaza do tren da historia, é unha bebedora compulsiva, unha “heavy-drinker”, tratada con grande mestría.


O que muda a Paula Hawkins en especialista na materia. (Nada tan patético como os peneques de Woody Allen, un supoñer, pouco doados de entender na súa nube analcohólica). O contrario que a Rachel, de Paula Hawkins, entre o soño (tamén o pesadelo) desa realidade irreal, na que paira a súa dipsomanía. Logo está a Inglaterra que nos pinta esta autora británica, aínda que nada en Zimbabue, con liñas férrea tan puntuais cal os comboios de Agatha Chsristie, e “pubs” nos que mergullar as penas (que non terminar de afogalas). Todo isto está en Paula Hawkins, tamén unha distribución sabida (e sabedora) dos tempos da historia que nos narra.

A dun asesinato entrevisto (a estratexia para cometelo) desde as fiestra dun tren que pasa. Cal a vida. Cal a morte mesma. Esa vida que enguedella a todos os personaxes da novela, como acontece en moitos dos relatos da Christie. Inevitable citala. Como á Highsmith polas súas atmósferas. Xa me convence menos o didactismo do remate. Pero estas se cadra son manías dun vello lector que desfruta moito cos finais abertos. Ou ao menos non tan pechados. Así e todo o lector universal, o que está aupando este libro aos altares, se callar non cadrará comigo.


Xa me irán contando vostedes o que opinan de todo isto. Ben entendido que se comezan a novela non han parar ata que a dean rematado. Enguedellados nun argumento que é cárcere ou prisión a xeito de vagón dun tren puntualísimo. 

Te puede interesar