RABO DE NUBE

Non tan loucas

paolo_result

A demencia é un estado (ou estadío) tan discutible que se presta a moitas posibilidades

A demencia é un estado (ou estadío) tan discutible –Dalí ou Joyce se cadra eran loucos aos que a súa xenialidade foi quen de evitarlles o frenopático- que se presta a moitas posibilidades. Desde a loucura lúcida á lucidez louca, pasando por mil maneiras de tolemia, que estar tolo non é o mesmo que estar louco. Así e todo logo de ver esta moi boa película italiana (de Paolo Virzi) fico pensando en que a “locatis whisky” (se se me permite esta expresión cáseque tan vella coma mín) interpretada por Valeria Bruni (a máis interesante das irmás Bruni) con Micaela Ramazotti como antagonisiante deste film, ben podía andar por rúas e prazas públicas sen maiores problemas. Que os loucos, sen dúbida son os outros. Mais deixo que quen vexan esta moi recomendable película sexan quen opinen.

Que a miña posición estética diante dela é do máis sosegada (e non porque non pasen cousas en Locas de alegría, título español para La pazza gioia) poisque Virzi deu atopado a maneira de facer críble o devir destas dúas chifretas, moi lonxano o parentesco con Thelma e Louise como algúns teiman en manifestar. E é que Valeria e Micaela son máis ben como ese contrapunto que desde Quixote e Sancho ten feito fortuna no mundo artístico, pola idade, polo aspecto físico, pola maneira de ser. Valeria, grande actriz e estimable directora, fai aquí de muller de familia moi rica, pechada nun manicomio polas súas excentricidades, exerce como de nai de Micaela, orixe humilde, camareira arraina na prostitución, culpable de intento de infanticidio con suicidio frustrado. Ou sexa, que a cousa é de risa, pero máis de sorriso que de gargallada. E detrás desa certa amabiidade o que deixa ver é unha traxedia con maneiras gregas. Por iso a habelencia de Virzi para compensar semellante enredo. Cunha fuxida cara adiante que fai desta película asunto “on the road”.

Eis, en todo caso, o parentesco con Thelma e Louise, mais ata aquí o parentesco. Entre outras cousas porque Virzi nin é Ridley Scot nin ten a capacidade épica deste. Virzi, nótase, é italiano e rula máis ben polo territorio da traxicomedia, con rbetes de sainete para o caso pero sen esquecer unha certa lírica, que lle acae moi ben a este filme. Que lle pode gustar a un público amplo.

Te puede interesar