rabo de nube

Poesía cada día

joseluisjpg1

Un dos poetas españois que máis me chaman a atención neste momento enleado, no que os “hit-parades” veñen cheos de poetastros

Hai poetas que escriben pouco, poetas que á penas se prodigan, poetas que pasan a vida á procura dun poema que teña a maxia do canto de paxaro que embriagara ao santo aquel (San Ero de Armenteira; non, non está no santoral) que ficara tan extasiado ao escoitalo que se lle pasaran os séculos como diante miña pasan as horas lendo a José Luis Rey.

Un dos poetas españois que máis me chaman a atención neste momento enleado, no que os “hit-parades” veñen cheos de poetastros. E non doutra maneira hei denominar estes donceis e doncelas que escriben poemas que son  letras de cancións (malas).

En fin, que José Luis Rey (Puente Genil, Córdoba, 1973), fai unha poesía directa, que sen ser adepta da liña clara tapouco está moi lonxe dela, senón que gavea ou chega ao patamar desa escaleira de caracol, na que coñecemento e comunicación (ou experiencia) van combinando, facendo unha ligazón moj positiva, de maneira que o lector resulta un elemento activo nese proceso tan gratificante (e estraño, polo demais) que chamamos poesía.

E para o que Gamoneda pide un lugar á parte da literatura “comme il faut”; se cadra ten razón.  No seu último libro José Luis Rey enguedella todo un tratado, ou conxunto de poemas, que acada cáseque as cincocentas páxinas. O que é moito, pero non excesivo, porque este poeta de Puente Genil (onde os marmelos, sen dúbida) non xoga en absoluto ao xogo da “maniera” nin, menos ainda, a facer dos seus poemas reiteracións ou ringleiras.

Esta “epifanía”, no senso de descubrimento ou explosión, cal a empregada por James Joyce para falar do seu –digamos- estoupido, talvez o meirande do Século XX, sirve para que nos exploremos, para que -cómplices dun poeta entregado- sexamos quen de nos adivinar a través dunha linguaxe cotiá mais comprometida cos misterios do ser e máis do estar.

Porque ademais, José Luis Rey, posúe un instinto musical, un oído, finísimo, que nos leva e trae polas fonduras dunha poética da existencia. Esa tan pouco percorrida polos poetas de hoxe. Rey, e non por casualidade, é traductor de Emily Dickinson e T. S. Eliot, dous dos cumios ou lumeiras da poesía universal. Un poeta, este cordobés, digno dunha lectura demorada, tan ampla cal o seu libro último, que non definitivo.

Te puede interesar