CON TEXTO

Pombo escribe o que lle peta

Resulta gratísimo atopar a un home, cal Pombo Arias, que non sendo un escritor profesional escribe como se o fose, sendo os seus libros choios  de lectura xeitosa e –ademais- divertidos

Pombo escribe o que lle peta

Médico e profesor “Ad Honorem” da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Pombo Arias (Sarria, Lugo, 1943) é un exemplo sobranceiro de escritor, de bo escritor, afellas, que fai o que lle peta, cando lle peta (o que lonxe de ser un pleonasmo  resulta máis ben un oxímoro). E é que un comeza xa cansar de ver como hai unhs chea de escritores a se queixar do que fan, de que escribir para eles é una carga pesadísima, que lles amola atender as obrigas escritoras, etc. Por iso resulta gratísimo atopar a un home, cal Pombo Arias, que non sendo un escritor profesional escribe como se o fose, sendo os seus libros choios  de lectura xeitosa e –ademais- divertidos. E non porque Pombo Arias sexa un humorista, ao menos non máis que o común dos galegos, senón que nos seus libros, así este último de relatos que teño diante miña,  moi ben editado, por Ézaro, bo exemplo dunha editora “indie”, que edita (como fai Manuel Pombo ao escribir) o que lle peta. Consecuentemente un le con alegría este mangado de relatos dispar, retranqueiro, ben desenrolado, no que a balanza equidista das beiras de xeito que o erotismo e a reflexión vital atopen equilibrio.

E é que os relatos de Pombo, encabezados por título tan suxestivo, rulan (e rolan, en función das preferencias corporais) por onde se movan as temáticas e as técnicas deste conxunto de relatos, onde estudantes e cregos e mozas preñas e Londres e Compostela viaxan en paralelo con parellas insatisfeitas, e mulleres e homes de volta de todo (menos dunha cousa) e de interiores para escenas definitvamente caseiras e/ ou caseñas. O título do libro, El hombre que no entendía a las mujeres confunde un pouco, poisque en puridade non canxa coa totalidade do volume, que - xa se dixo-  ten que ver cun rexistro ben amplo. Tanto que o relato que remata o libro leva por título, Santiago de Compostela a mi manera y el árbol de los enamorados, todo un periplo sentimental pola máis sintomática das nosas cidades. Viaxes e amores (e desamores) nun libro no que Pombo Arias fai una especie de “strip-tease”  cordial, escribindo -¿e como non a esta altura da película?- o que lle peta, como e cando lle peta. E eu como lector voluntario de certos libros, así este, fico moi agradecido.