PARA LEER

Quen sabe contar

Inmaculada de la Fuente volve cun libro de relatos onde nada é o que semella e os rostros coñecidos poden levarnos á cerimonia da confusión

Inmaculada de la Fuente é unha autora de percorrido logo, xornalista tamén con historia nas páxinas de El País onde se ten desempeñado como redactora nun longo período. Agora volve ás librarías cun libro de relatos, máis unha “nouvelle” de lectura moi recomendable. Digo isto logo de atopar fructífera a miña propia. E é que De la Fuente posúe o don da orixinalidade. E iso a partir duns fundamentos tan realistas como o que hoxe se levan. Mais o certo é que esta autora o que fai é revirarlle o pescozo ao polo realista deica facer del un ser ambiguo, con xeitos ou maneiras difusos (que non confusos) cun aquel de neboeiro, mais onde o lector non só non se perde senón que volve ao ponto de partida sen outro sextante que a súa intuición lectora. E é que Inmaculada de la Fuente tenta –consegue- levarnos a un mundo onde nada é o que semella, e os rostros coñecidos poden levarnos á cerimonia da confusión. Ou ben hai donas que mudan de casa, e para negar a Quevedo, sen mudar de conducta. E atopan unha certa felicidade. Ou, se cadra, ese pracer de vivir pode ficar en cousas tan elementais, mais tamén prodixiosas, cal unha raiola que se fai mascota de quen a recibe cada día, e cáseque podería levala de paseo.

Os contos de De la Fuente. Moi bos. Mais aínda resta a “nouvelle”. Esa historia marabillosa (pero realista) da seminamorada dun “lady killer”, que na súa decadencia, case desfeita xa, quere tornar mais o seu posto xa está ocupado por esa besta sagrada que se chama o confort, a seguridade ou –se se quere- o costume. E é que, como dixera o poeta, “Somos el tiempo que nos queda”. Ese tempo, que desde o realismo con apuntes doutras

Deica acadar un finísimo encaixe neste libro, para min –na súa aparente sinxeleza- un dos mellores que levo lido neste ano. E non só polos contidos, dos que atrapan ao lector, mais tamén por mor do estilo de Inmaculada de la Fuente, elegante mais funcional, delicado pero tamén operativo. E fago firme propósito, sen as indecisións de “Un hombre perplejo”, un dos mellores relatos do libro, de seguir lendo a Inmaculada de la Fuente, merecente dunha lectura máis que entregada. Porque conta e ¡conta!. Pródiga.