COMERCIO

Arrancan en Verín as xornadas de innovación do comercio local

O encontro contou con charlas sobre a importancia da dixitalización para o sector e sobre seguridade na rede e comercio electrónico.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou onte no networking de innovación, renovación e consolidación comercial organizado pola Federación Galega de Comercio, a asociación de comerciantes da vila verinense (Aever) e a Federación de Comercio de Ourense e a Xunta, a través do convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio para impulsar o sector.

O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá nas catro provincias galegas, é fomentar o emprendemento, o uso das novas tecnoloxías, a renovación e a consolidación comercial. O encontro contou con charlas sobre a importancia da dixitalización para o sector e sobre seguridade na rede e comercio electrónico.

CLAVE DA CONSOLIDACIÓN

No acto, a representante do goberno autonómico salientou a importancia que a innovación ten na mellora das actividades non só produtivas, senón tamén comerciais, sendo a aposta polo comercio intelixente unha das claves que "permitirá a consolidación do noso comercio de proximidade", salientou Vázquez Abeal. E, para reforzar o compromiso do departamento autonómico nese eixo económico, ofreceu unha serie de cifras que soportan dita aposta: "A Xunta traballa de maneira conxunta co comercio galego a través do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio, que contempla 55 accións específicas e destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade". Entre as medidas para avanzar neste reto atópase o programa de modernización e mellora da imaxe do comercio galego, a través do cal se mobilizan este ano máis de tres millóns de euros.

Te puede interesar