O diñeiro recadado nos Maios de Verín destinarase á loita contra o cancro

MAIOS VERÍN FOTOS CC (16)
photo_camera Algúns maios do 2022 en Verín. (Foto: C.C.).
A cita celebrarase no parque da Alameda o 1 de maio

"Na década dos cincuenta, Enrique Gómez Pato comezou a percorrer as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Ao carón ou agochado no interior, el e os seus compañeiros cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica", recordan dende o Concello de Verín sobre a celebración dos Maios, unha cita que se organiza ano tras ano na lembranza de Pato e para que se manteña esta manifestación da cultura popular

Así, o 1 de maio o Concello organiza unha concentración de maios tradicionais, artísticos ou feitos con refugallos. Para participar nesta concentración non competitiva será necesario inscribirse no Consistorio ates do 21 de abril e poden participar centros de ensino, institucións ou asociacións rexistradas de toda a comarca.

No que atinxe ás coplas elaboradas polos grupos participantes, estas non poderán ter menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara. "Das coplas farase unha edición única e conxunta con obxectivos culturais e sociais. para tratar de obter os fins sociais, as doazóns que se recaden no reparto de 800 exemplares destinarase ao financiamento de programas de investigación para a prevención e a cura do cancro, promovidos pola Asociación Española Contra o Cancro". 

A cita será no parque da Alameda, onde se disporán os maios participantes dende ás 10,00 horas e se poderán conseguir as coplas solidarias. 

Te puede interesar