Farlopa Fanzine vén de anunciar un directorio cultural que recolla unha listaxe das persoas da comarca que teñen iniciativas e proxectos culturais, posto que "fai falla crear comunidade cultural e que toda esa xente que fai cousas se coñeza e colaboren" di Alejandro Nieves, unha das caras que está detrás da revista xunto con Sabela Souto.
A idea desta nova actividade por parte destes dous mozos é facer equipo e colaborar entre todas as persoas da comarca para crear máis cultura en Verín, xa que "aquí hai moita xente que fai cousas", di Souto. "Co directorio, igual que co resto de actividades, non queremos outra cousa que aportar un graíño de area para conseguilo", engade Nieves. Deste xeito, chaman a persoas, asociacións, empresas ou colectivos a que comecen a formar parte do directorio para poder dar a coñecer todas aquelas actividades culturais da comarca.