Latexos do rural no Camiño despídese mañá en Laza

latexos do rural
photo_camera Jorge De Álvarez, junto a sus modelos. (Foto: cedida).
A mostra recibiu máis dun milleiro de visitas en A Gudiña, Riós e A Mezquita

Laza será mañá o escenario de despedida do proxecto “Latexos do Rural no Camiño”, a peregrinación artística polo Camiño Sanabrés da Vía da Prata.

Os actos desenvolveranse dende as 11,00 ata as 21,00 horas no salón de actos do Concello, no forno da Picota e na praza da Picota. Os protagonistas serán, coma sempre, os poemas de Carmen Rivero, as pinturas de Paulinha D’Arzoá, as fotografías de Ramón Fernández, a interpretación de Santi Cañaveral, a colección de Jorge De Álvarez e a música do Conservatorio de Verín, ofrecendo un espectáculo multidisciplinar e interdisciplinar con actuacións en directo, exposicións, rutas e performances.

Ademais, nesta última etapa, rendirase unha sentida homenaxe a Benita Canteira, a primeira muller en vestir o peliquiero no Entroido, recentemente falecida.

Visitas

Esta peregrinación artística tivo moi boa aceptación entre os veciños da zona e visitantes. Máis dun milleiro de persoas achegáronse aos municipios de A Mezquita, Riós e A Gudiña, nas súas correspondentes sesións, para coñecer o proxecto, que se cerra nesta xornada de sábado en Laza. 

Ante a acollida de Latexos, dende a organización sinalan que “a arte e a creatividade se consagraron como unha vacina para o hastío e o malestar provocado pola pandemia, e sen dúbida, as manifestacións artísticas foron estímulo, salvagarda e compaña durante estes meses”, e auguran novas edicións. 

Te puede interesar