As mulleres rurais de Tamagos, no Concello de Verín, están asistindo todos os xoves ao curso “Manexo do Móbil”, o que se prolongará durante todo o mes de xullo.
É unha actividade impulsada polo Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Portas Abertas dentro do programa “Transformación Dixital para o desenvolvemento do medio rural”, promovido por Coceder e vinculado ao Plan de Recuperación da Secretaría de Estado, financiado pola Unión Europea.
De carácter gratuíto, as asistentes aprenderán a empregar o uso de aplicacións como a do Sergas, as das bancas electrónicas, así como a empregar con fluidez WhatsApp e aprender a solicitar citas na Administración pública. A formación realízase os xoves a partir das 16,30 horas no centro social deste núcleo rural, ao que poden acudir os interesados en formarse no manexo destes aparellos electrónicos.