Este proxecto ten por obxectivo crear unha base de datos de vivendas e empregos para xente que queira cambiar a vida na cidade por un pobo ou aldea no rural. Neste momento, antes da chegada do verán, momento en que hai un maior movemento por parte destas posibles incorporacións ao rural, fan un chamamento a todas aquelas persoas que teñan unha casa deshabitada e a queiran pór en venda ou aluguer.
Portas Abertas encárgase de forma gratuita de incorporar a vivenda á súa plataforma, de anunciala e de atopar o perfil idóneo que podería estar interesado nela.
O técnico medioambiental Ramón Lantes é o facilitador rural deste proxecto, e lembra que “aínda que o que máis buscamos son vivendas en aluguer, nós tamén introducimos na nosa base de datos empregos, baixos, solares, ata negocios no rural”. Os interesados en se inscribir poden facelo chamando ou escribindo ao CDR.