RUTA TERMAL

Verín reabrirá o manantial de Caldeliñas 70 anos despois

Gerardo Seoane e o rexedor de Chaves presentaron a campaña de 2017 na Ruta Termal e da Auga

De esquerda a dereita, Oablo Rivera, Antonio Cabeleira, Gerardo Seoane e Alejandro Rubín,
De esquerda a dereita, Oablo Rivera, Antonio Cabeleira, Gerardo Seoane e Alejandro Rubín,
Verín reabrirá o manantial de Caldeliñas 70 anos despois

Os alcaldes de Verín e Chaves, Gerardo Seoane e Antonio Cabeleira, presentaron onte en Expourense, na sede de Termatalia, as novidades para a vindeira tempada termal. Pola súa banda, o rexidor de Verín adiantou que o Concello procederá a reabrir o surtidor de Caldeliñas, logo de que este permanecese pechado e en estado de abandono durante máis de 70 anos. Neste senso, o rexidor local sinalou que se reabrirá o manantial e se purgará o seu acuífero para deixalo "en condicións óptimas para o seu disfrute". 

As obras de reacondicionamento do entorno e das ruinas do que foi "un puxante establecemento termal nos séculos XIX e XX" comenzarán "de xeito inmediato", segundo matizou o rexidor de Verín. Tamén se procederá ao axardiñamento da zona para permitir o disfrute das augas no interior das antigas instalacións. "Imos a recuperar unha análise moderna da composición, realizando medicións químicas e bacteriolóxicas á altura da ciencia actual, e mesmo envasar unha pequena cantidade para uso tópico na pel, que era o uso recomendado tradicionalmente", explicou Gerardo Seoane. 

Durante a xornada de onte, o primeiro edil de Verín tamén informou de que o Concello, tras chegar a acordos cos propietarios da zona, procederá a acometer un gran parque en cinco das sete hectáreas do manantial de Fontenova "para dotar ao conxunto deste balneario histórico do marco ornamental vexetal que se merece".
Seoane fixo unha invitación "a todas as persoas que o desexen" a visitar os manantiais de Verín " na súa orixe, que é onde todas as augas gardan preciosamente as súas propiedades", dixo o rexidor, que destacou, ademais, as cualidades "curativas e de benestar" da Ruta Termal e da Auga da Eurocidade Verín - Chaves. 

No que atinxe á cidade portuguesa, o seu alcalde Antonio Cabeleira anunciou que se están iniciando as xestións para a apertura dun novo balneario na localidade de Vilarelho. Trátase dunhas "termas históricas" que serán postas en valor debido "á singularidade das súas augas". 

O evento contou coa presenza do presidente de Termatalia, Alejandro Rubín, quen destacou o potencial innovador da xestión conxunta entre Verín e Chaves. Durante o acto tamén houbo unha lembranza para as vítimas do tráxico incendio de POrtugalde Portugal. 

Un espazo xeográfico cunha enorme diversidade de augas

O alcalde de Chaves, Antonio Cabeleira, dixo da eurocidade Chaves Verín que é "unha experiencia de éxito". O rexidor de Chaves dixo que agarda que o conxunto das dúas cidades sexa considerado un día como " unha verdadeira zona franca social, na que os cidadáns compartan "o mesmo espazo e a mesma nacionalidade". "Queremos ser considerados a eurocidade da auga", manifestou Cabeleira. "É extraordinaria a diversidade de augas que temos en tan pouco espazo xeográfico", engadiu. 

O director técnico da eurocidade, Pablo Rivera Brúa, destacou a importancia do conxunto dentro da oferta termal europea. "Pola nosa idiosincrasia estamos incluídos nos itinerarios culturais europeos, codeándonos con cidades termais como Vichi", manifestou Rivera Brúa. Neste senso lembrou ademais, que dende hai uns meses a Eurocidade da Auga conta, por primeira vez, cun paquete turístico conxunto para o destino, que permite coñecer todos os balnearios das dúas cidades e de acadar o "pasaporte do auguista", que este ano se reeditará despois do éxito do pasado.