O verán de actividades continúa hoxe coa segunda sesión de fitness de +Deporte La Región que cada xoves visita unha localidade diferente da provincia. Desta vez o escenario ao aire libre será a praia fluvial de Verín esta tardiña ás 20,30 horas.
O emprazamento, xunto ao río Támega, apunta a ser o máis agradable ao serán cando anuncian máximas entre os 35 e os 37 graos á media tarde no concello verinense. “Se vai ser cos calores que vimos sufrindo estes días, que polo esteamos aí fresquiños xunto á auga”, declara Emilia Somoza, edil de Cultura, Educación e Festexos do Concello, colaborador no evento.
Coa monitora Paula Cao marcando os ritmos e as intensidades da lección, a xornada presenta unha oportunidade para coller o gusto aos exercicios e recibir os beneficios que traen consigo. “Trátase dunha porta aberta para que a xente que non coñece o fitness lle perda o medo”, apunta Somoza.
“O deporte ao aire libre acada un valor diferente tras a pandemia da covid”, observa a edil de Cultura. Dende o propio Concello, sinalan que a actividade de fitness é unha iniciativa que forma parte dun “rexurdir” do deporte estival en exteriores, como os eventos que teñen a auga como protagonista.
A pesar das predicións de temperaturas altas, a realización da sesión deportiva xunto ao río dá a opción de refrescarse nunha das tres piscinas naturais bañadas polo Támega. Emilia Somoza xa tranquiliza: “Hai acceso polas escaleiras á auga encorada, que apenas corre e cubre o suficiente, polo que non hai perigo”, tranquiliza.
O entorno da ribeira fluvial é “bonito e agradable”, en palabras de Somoza, ao acubillo da sombra das ramadas das árbores próximas, baixo as que os participantes poden descansar en calquera momento, de precisar unha pausa no medio da clase.
A actividade promete ser “repousada e tranquila”, ao alcance de todo tipo de públicos, adaptada para iniciados novos ou maiores. A concelleira emite “unha chamada para apuntarse” á poboación verinense: “Esperamos que a xente goce coa actividade, que para iso é”.