DEPORTE

A Andaina Solidaria do Pulpo discorrerá por carreiros do río Arenteiro ata Boborás

Cada participante aporta cinco euros para a Asociación Esclerose Múltiple e outras enfermidades neurodexenerativas

A II Andaina Solidaria do Pulpo descorrerá por sendeiros naturáis preto do río Arenteiro ate o emprazamento medieval de Castro Cavadoso, en Boborás. Trátase dun percorrido de 16 quilómetros, previsto para o próximo domingo, con saída dende o Parque Municipal, ás 09,30 horas, e chegada ao mesmo emprazamento ás 13,00 horas. 

Esta iniciativa terá un prezo de  de cinco euros para cada participante, destinados a modo de donativo a Aodem, a Asociación Esclerose Múltiple, Esclerose Lateral Amiotrófica, Párkinson, Enfermidades Raras e outras enfermidades neurodexenerativas. 

A Andaina Solidaria do Pulpo foi presentada no Concello do Carballiño pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Seguridade, Marina Ortega, e varios representantes de Aodem: a secretaria, Susana Fernández, Jesús Ángel Álvarez Peña e Jovita Alonso. Así mesmo, contou coa presenza de Clara Fernández, en representación de Asdifica (Asociación de Discapacitados Físicos do Carballiño e Comarca).

Ó rematar a andaina, repartiranse premios por sorteo cos números das dorsais, que consisten nunha comida para dúas persoas no restaurante “O Barazal”, unha cea para dúas persoas no Mosteiro de San Clodio, dous estoxos de viño da adega Casal de Armán, un curso de inglés de dezaseis horas en Nalingua, e camisetas e gorras cortesía do ximnasio Olimpia, contando tamén coa colaboración de Eroski e Abanca. 

Jesús Ángel Álvarez Peña, en representación de Aodem, agradeceu a colaboración do Concello do Carballiño e Jovita Alonso recordou que na andaina venderanse pulseiras e chaveiros, entre outros obxectos, elaborados polos integrantes de Aodem.

O percorrido desta andaina solidaria comezará no restaurante “O Pote” para atravesar o Parque municipal ata o Muíño das Lousas, pasando pola Pontarriza, Bouteiro, A Reguenga, a Ponte do Castro ou a igrexa de Moldes; para rematar no Parque municipal polo paseo da fábrica de Papel. Asemade, a andaina conta con dous puntos de avituallamento durante o percorrido para o refrixerio dos participantes.

Te puede interesar