Beariz acondiciona dous accesos de Lebozán

O Concello de Beariz leva a cabo as obras de acondicionamento de camiños en Lebozán, cun orzamento de 43.000 euros, que foron adxudicadas pola Deputación á empresa Cruzval. O proxecto afecta a dous camiños da localidade, o do Busto e o Principal.

O do Busto, xa rematado, contaba cun pavimento de formigón moi deteriorado e con grandes fisuras que dificultaban o tránsito a través do mesmo. Por outro bando, a canle de regadío, na marxe esquerda do mesmo, non estaba canalizada polo que se producían filtracións . Procedeuse á demolición de 85 metros cadrados de formigón e á execución dun novo pavimento. No relacionado coa canle de regadío colocáronse 23 milímetros de medio  cano de formigón.

O outro camiño, o Principal, con acceso directo dende a estrada OU-212, dispón de pavimentos executados a base de rega asfáltica, tamén moi deteriorados. Aquí procedeuse á limpeza de 1.961 metros cadrados do pavimento existente e ao bacheo correspondente. Agora executaranse 1.961 metros cadrados de firme a base de mezcla bituminosa continua en quente, de 5 centímetros de espesor, segundo apuntaron as autoridades locais.

Con estas obras, os responsables municipais consideran que mellorará a comunicación nesta localidade de Lebozán, cunhos accesos mellorados.

Te puede interesar