O CARBALLIÑO

“Cantos de Taberna", este sábado nos locais da vila

A organización corre a cargo da nova asociación cultural “Terras do Arenteiro" e participarán catro grupos musicais

Os grupos de música tradicional “Terras do Arenteiro”, do Carballiño; Faíscas, de Boborás; Feitizo de Pau, de Cea, e Cotobías, de Maside, serán os encargados de animar a V edición dos Cantos de Taberna de Inverno “Un bico, un cantar”, que se celebra este sábado no Carballiño.

O evento foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e dous membros da nova Asociación Cultural “Terras do Arenteiro”, Alejandro Graña e Asun Adá, que nace para contribuir á dinamización cultural da vila e da comarca, e que nesta edición encárgase da organización do festival, en colaboración co Concello do Carballiño.

A partir das 20,00 horas e atá a madrugada do domingo, as catro formacións de músicos, cantareiras e pandereteiras, percorrerán dez locais hostaleiros da vila para interpretar un amplo abano de cantigas e temas de música popular galega. Os organizadores esperan que se sumen outros grupos ao longo da xornada.

Os locais participantes nesta iniciativa son: Estate Quieto, Soldado, Ernesto, Ningures, Don Paco, Riquirmo, O Fiadeiro, Caserío, Plaza e A Fuchela.
Diego Fernández agradeceu o labor que desenvolve esta asociación, que ven colaborando dende hai tempo en diversas actividades culturais a través da Escola de Gaitas, e que agora ten en proxecto levar a cabo unha recuperación do repertorio de música tradicional da zona.

Alejandro Graña e Asun Adá explicaron que, tras 25 anos de andaina a través da Escola de Gaitas, coa que viaxaron por Alemania, Francia e Portugal, apoiando á emigración, e de colaborar con grandes músicos e formacións como Carlos Núñez, Luar na Lubre ou Serxio Budiño, entre outros, chegou o momento de comezar unha nova etapa con esta asociación e un novo concepto de formación completamente diferente das bandas de gaitas.

Terras do Arenteiro seguirá contando coa colaboración de gaiteiros carballiñeses tan destacados como Isidro e Alejandro Vidal, e no seu proxecto está abordar un amplo abano de música popular e tradicional, ou doutras modalidades, pero tamén outro tipo de actividades de ámbito cultural, ademais de dar clases de música no Casino.

Te puede interesar