A Praza do Emigrante será o escenario da terceira edición da Festa da Cervexa e Salchicha Alemá, que organiza o CD Arenteiro co obxectivo de recaudar fondos para a presente tempada de fútbol. Comezará o próximo venres ás 19,00 horas, e continuará nas xornadas do sábado e domingo ata a madrugada. Baixo a carpa que se instalará para a festa haberá animación musical e os asistentes terán a posibilidade de degustar a cervexa alemá, salchichas, hamburguesas e outros produtos. Os nenos tamén disporán dun inchable, entre outras atractivas ofertas.
A organización conta coa colaboración do Concello do Carballiño, participando onte na presentación o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, xunto co presidente do CD Arenteiro, Francisco Fernández, e o vicepresidente, Manuel Sotelo. Dacal destacou esta actividade mediante a que o club recauda fondos ao mesmo tempo que contribúe a dinamizar a vila, manifestando o desexo de que acudan moitos visitantes ao Carballiño a disfrutar desta festa.
Francisco Fernández e Manuel Sotelo tamén animaron á participación veciñal, aclarando que, aínda que non supoña uns ingresos importantes para o club, sempre supón unha axuda, tal e como sucedeu nas dúas anteriores edicións, en que resultou un éxito de asistencia. Ao respecto aseguraron que quedaron moi satisfeitos das edicións anteriores, polo que decidiron continuar este ano.