A Concellería de Medio Ambiente anima a adherirse á compostaxe nos domicilios

Os participantes na campaña recibirán composteiros e deberán dispor de 50 metros cadrados de horta ou xardín

A Concellería de Medio Ambiente do Carballiño anima á poboación a participar na campaña de reciclaxe mediante a compostaxe de residuos orgánicos domésticos. A concelleira responsable deste departamento municipal, Rita Soto, pon en coñecemento dos veciños do Carballiño o inicio desta campaña de compostaxe doméstica co fin de aproveitar os residuos orgánicos e obter un abono de calidade e de balde.

Segundo sinala a encargada do Medio Ambiente, a adhesión a esta campaña supón unha importante redución de gases de efecto invernadoiro e favorece a loita contra o cambio climático, ademais dos beneficios que aporta a quen utilice este sistema para a elaboración de abono totalmente ecolóxico.

A campaña, que se leva a cabo nos concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos na Deputación provincial de Ourense, céntrase na distribución dos composteiros e seguimento do proceso. 

Para poder solicitar a inclusión no programa o usuario debe ter a primeira residencia no Carballiño, e tamén dispor dun mínimo de 50 metros cadrados de horta ou xardín, non ter participado noutras edicións de fomento da compostaxe ao mesmo tempo que deberá adquirir o compromiso de estar presente nas visitas dos técnicos previstas na campaña para comprobar que o proceso se desenvolve correctamente.

A solicitude debe realizarse na área de Medio Ambiente do Carballiño en horario de 09,00 a 14,00 horas. Dende a concellería se anima á veciñanza a participar nesta experiencia que, sen dúbida, vén para quedarse no Carballiño.

Te puede interesar