O Concello asume o coste do transporte dos nenos do programa 'Bo día familia'

O programa de 'Bo día familia', que desenvolve o Concello do Carballiño, iniciase mañá e está destinado aos nenos de tres anos (escolarizados) a 12 anos de idade, dispoñendo dun máximo de 45 prazas, que xa están cubertas. Este servizo municipal está pensado para as familias cos dous pais traballadores co fin de acoller ós rapaces a primeiras horas da mañá ata a entrada ós respectivos colexios.
Aínda que as autoridades municipais anunciaran a finais do pasado curso a posibilidade de suprimir o transporte escolar destes rapaces como unha medida de aforro máis para o concello, finalmente o alcalde, Argimiro Marnotes, confirmaba onte que se manterá igual co ano pasado polo menos durante estes primeiros días nos que so hai clase polas mañás e a espera de que se inicie a xornada educativa partida. 'Mantemos o transporte porque é unha necesidade imperiosa, despois tentaremos organizar o traslado destes nenos mediante o transporte escolar, mentres o concello seguirá asumindo o coste'. O rexidor carballiñés puntualizou que é necesario esperar a coñecer con detalle o calendario dos autobuses escolares para buscar unha solución alternativa.

Para que os nenos accedan a este servizo, ademáis de que os pais sean traballadores, é un requisito imprescindible estar empadroados no Carballiño.

As instalacións de Bo Día Familia están ubicadas na rúa Calvo Sotelo e funcionará cun horario de luns a venres de 7,30 a 10,30 horas. O programa está dirixido por persoal técnico da Área de Igualdade e Benestar Social especializado en temas educativos, no que se realizan actividades de coidado dos menores, almorzo, ademais de achegalos aos centros escolares no inicio da mañá, sempre co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

'O transporte aos respectivos centros escolares que nos derradeiros anos estivo incluido como un servizo complementario do programa seguirá desenvolvéndose como en anos anteriores', corroboraba o persoal técnico da Concellalía de Igualdade e Benestar Social, encargado do coidado destes escolares.

Te puede interesar