O CARBALLIÑO

O Concello formará a 60 persoas, das que a mitade terá traballo inmediato

photo_camera Montaxe dunha das torres de aeroxeneradores na empresa GRI Galicia.

A empresa de torres eólicas do polígono contratará á maior parte delas

O Concello do Carballiño porá en marcha, a partir do próximo mes de marzo, un programa de reinserción laboral para 60 persoas desocupadas, coa finalidade de que poidan acceder ao remate do mesmo a un posto de traballo.

Esta iniciativa, promovida pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, prolongarase durante un ano e fíxase o obxectivo de conseguir, alo menos, a colocación da metade das persoas que participen, concretamente (entre 25 e 30 persoas). Non obstante, por parte das autoridades municipais espérase que acaben atopando colocación a maioría das inscritas.

Este programa integral de emprego, que se presenta baixo a denominación de “Carbaemprega”, vai dirixido, fundamentalmente, ao colectivo de persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción. Contempla accións específicas en técnicas de coaching, intelixencia emocional e de motivación para a busca de emprego, así como no uso das novas tecnoloxías e, ademais, na adquisición de habilidades prácticas naqueles sectores con implantación no tecido industrial do Carballiño.

Concretamente, a empresa GRI Galicia (Construcciones Metálicas Gestamp Wind Steel Galicia SL), que se dedica a fabricación de torres eólicas na Área Industrial do Carballiño, mostra interés pola contratación de unhas 20 persoas ao longo dun ano. A empresa, con presenza en Turquía, India, Sudáfrica e Brasil, está no proceso de creación dunha nova pranta en Texas, Estados Unidos, según confirmaba un portavoz a este periódico, por cuxo motivo necesitará máis persoal, xa que unha parte dos 382 traballadores que ten na actualidade en Carballiño, será trasladada á nova factoría no vindeiro mes de xullo, polo que son imprescidibles novos empregados para cubrir os postos vacantes.

Gri Galicia asentouse no polígono en 2006 con apenas 40 traballadores e desde aquela foi medrando. O seu mercado está fora das fronteiras españolas, fundamentalmente en países de Europa e América.

Unha das finalidades do plan está en exercer a intermediación entre empresas que precisan cubrir necesidades de persoal e os desempregados. Por iso, se prestará unha atención especial aos contidos de carácter práctico e de corte industrial destinados á adquisición de competencias específicas para empresas da zona como soldadura e calderería, necesarias en Gestamp Wind Steel Galicia, S.L.

Te puede interesar