CULTURA

O coro Voces Brancas do Barco actuará no Carballiño

Terá lugar o próximo sábado 9 no Auditorio Manuel María a partir das 20 horas

O Auditorio Manuel María acollerá o próximo sábado, 9 de febreiro, un concerto do coro Voces Brancas do Barco de Valdeorras. A actuación, que será ás 20,00 horas, con entrada de balde, está dentro dun programa de colaboración e intercambio entre os conservatorios de música do Carballiño e do Barco de Valdeorras, polo que a este concerto do coro valdeorrés lle sucederá outro no Barco dunha formación do Carballiño.

O coro de Voces Brancas está formado por nenos de entre 7 e 15 anos, todos da comarca de Valdeorras. Con tres anos de vida, esta formación leva ofrecidos xa varios concertos; un deles na casa Río Cigüeño en xuño de 2017, e tamén tivo varias actuacións no Teatro Lauro Olmo, sendo a última o pasado mes de xaneiro.

Neste concerto do sábado no Carballiño, o coro valdeorrés ofrecerá un repertorio variado, entre o que figuran os seguintes temas: “Seis canciones infantiles”, de Jesús Guridi; “La vida hermosa es”, de Olga García Álvarez, compositora e profesora do mesmo centro, así como cancións de películas tan coñecidas como “Los chicos del coro” ou “Frozen”, sen esquecer temas da música popular galega e música xaponesa ou brasileira, entre outros.

A dirección do coro nesta actuación correrá a cargo de B. Alonso e o acompañamento ao piano o realizará J. Romero.

Te puede interesar