A Insua dos Poetas conmemora hoxe os 111 anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro. A fundación organizadora encargoulle a Tatiana R Fírvida a peza escultórica coa que se rende homenaxe ao polifacético escritor.
Descríbame a obra que realizou para A Insua dos Poetas. En que se inspirou?
“Ese alguén de meu que nunca volve” é unha peza escultórica de 11,4 metros de longo e 3,4 metros de alto realizada completamente en aceiro Inox. Recibe este título do verso incluído no poemario “Herba aquí ou acolá” de Álvaro Cunqueiro. O plantexamento era conseguir o menor impacto paisaxístico, xa que está ubicada nunha contorna natural, arroupada por árbores centenarias. Para iso, afasteime da idea dunha escultura con volume e materiais pesados visualmente. A idea xurdiu dos debuxos de Seoane, Xohán Ledo e Francisco Mantecón, entre outros artistas que complementaban a obra de Cunqueiro. A estética da escultura é coma a dun debuxo, con distintos trazos marcados e “coloreados” nalgunhas partes. Os personaxes, incluídos os músicos, fan referencia á poesía neotrobadorista de Cunqueiro, inspirados no seu libro de poesía Cantiga nova que se chama riveira. Como complemento, engadín personaxes que me pareceron máis acaídos: tres mulleres, un home e un neno que bota ao demo pola boca.
Ten realizado outras obras no Carballiño?
Esta é a miña primeira obra no Concello, máis non na comarca. Este mesmo ano producín un mural educativo-artístico no colexio Virxe da Pena da Sela, no Irixo, coa axuda de tódolos seus alumnos.
En que modalidades artísticas traballa?
A miña especialidade é a fotografía artística. Máis considérome unha artista multidisciplinar xa que combino moitas disciplinas e técnicas entre sí. Nos meus traballos artísticos persego moitas correntes. Tamén a influencia da miña mentora, Premio Nacional de Fotografía, Ouka Leele, coa que traballei na miña etapa en Madrid, que deixou pegada na miña obra, introducindo a cor como coprotagonista.
Cales son as súas aspiracións?
O meu obxetivo, sería promover a artistas emerxentes e atraer novas correntes artísticas a través dun espazo especializado.
Foi dificil crear unha obra dedicada a Cunqueiro?
Cando me propuxeron este encargo sentín unha gran responsabilidade. É por iso que me volquei co máximo esforzo e plena dedicación. Tratábase de homenaxear a un dos grandes da nosa literatura polo que non foi unha tarea fácil. Cunqueiro foi un escritor polifacético. Por ese mesmo motivo, é moi complexo simplificalo e representalo nunha soa peza artística.
Está traballando en novas creacións?
No ámbito da fotografía estou traballando nun proxecto entorno á soidade, baixo o título “La soledad”, unha cicatriz sen cura. Este novo proxecto iniciouse e expúxose na galería madrileña Expositivo no ano 2018 e segue en construcción na actualidade. Ademais disto estou facendo estudos nos que estou relacionando a fotografía coa ilustración. No ambito da escultura estou traballando nunha liña moi similar á obra dedicada a Álvaro Cunqueiro, pero niste caso en tamaño máis pequeno e traballando con volume.