Os ecoloxistas pedirán a imputación dos xestores da canceira municipal no 2009

As asociacións ecoloxistas 'Amigos da Terra' e 'Matar por matar non' solicitarán do Xulgado de Instrucción e Primeira instancia do Carballiño a imputación dos responsables da xestión da canceira municipal en marzo de 2009, mes no que foron achados maís de 70 animais mortos enterrados nunha fosa, feitos que foron denunciados por aquelas.
Concretamente, trátase da entón concelleira de Medio Ambiente, a socialista María Xosé Pérez, do xefe de servizo deste departamento e de dous traballadores das instalacións. Estas catro persoas prestaron declaración ante o xuíz o pasado 25 de abril en calidade de testemuñas, e manifestaron o seu total descoñecemento encol da orixe da morte dos cans.

Nembargantes, estas declaracións non convenceron ós colectivos ecoloxistas, que están dispostas a pedir a imputación das catro testemuñas, 'aínda que estamos pendentes tamén de que se personen no mesmo proceso os veterinarios que prestaban servizo médico ós animais naquelas datas', suliñou Xulio Fernández, voceiro de 'Matar por matar non'.

O Xulgado de Primeira Instancia do Carballiño tivo que reabrir iste proceso tra-lo auto da Audiencia Provincial de Ourense no que se estimaba o recurso presentado polos ecoloxistas contra o arquivo das dilixencias que, por segunda vez, dictaminara o xuíz. Neste sentido, os maxistrados da Audiencia ordenaron, tal e como solicitaban os denunciantes, a comparecencia dos responsables da canceira, que nunca acudiran a declarar.

'O que queremos é coñecer cáles foron as causas e motivos que produciron a masacre de ducias de cans na canceira', manifestou Xulio Fernández, un dos autores da denuncia presentada pola morte dos animais.

Te puede interesar