FESTA DO CABALO

A Festa do Cabalo xuntou a máis de cen xinetes na carballeira do Irixo

PAZ
photo_camera Varios caballos en la pista de exhibición acondicionada para la fiesta.

Os equinos protagonizaron unha ruta, disputaron sete concursos e tamén participaron na exhibición dun torneo medieval

A carballeira do Tellado, que antigamente acollía unha das feiras de gando máis concurridas da comarca do Carballiño, acolleu onte a "Festa do Cabalo do Irixo", que reuniu a perto de 150 xinetes procedentes de diferentes puntos da  provincia e da Comunidade galega. Os cabaleiros máis madrugadores abriron a xornada cunha ruta polos montes da Serra do Testeiro, e na que polo prezo de 20 euros tiñan dereito a bocadillo e bebida no itinerario e logo á participar no xantar preparado pola organización.

Ó fío do mediodía, comezaron os concursos de beleza e estampa para cabalos e eguas de pura raza e cruzados e tamén para potros e potras, que se prolongaron ata primeiras horas do serán. Foi o momento previsto de dar descanso tanto a xinetes como a monturas baixo a frescura da sombra dos carballos desta paraxe natural do Tellado, alonxados do sol e as altas temperaturas. 

Empanada, pulpo e carne ó caldeiro, regados con viño, auga e bebidas isotónicas, integraron o menú do xantar popular. O coordenador deste festexo equino, Manuel Cerdeira, amosaba a súa satisfacción polo éxito da convocatoria, suliñando que "nos quince anos anteriores nunca houbo tanta afluencia de cabalos, e por iso penso que podemos asegurar que a festa xa está consolidada, porque este recinto é moi atractivo para os afecionados", concluiu o tamén tenente de alcalde do Irixo.

Un público entregado que, dende mediada a tarde, presenciou os catro concursos pendentes, os tres de andadura (galega en dous e catro tempos e de cabalos trotóns) e ó de trote. A xornada, que contou co apoio da Deputación de Ourense, rematou a nivel de competicións coa entrega de trofeos ós tres primeiros gañadores de cada proba, que tamén recibiron premios de 75, 50 e 25 euros, respectivamente. Finalmente, e coma novidade introducida polos organizadores, asistiuse a unha exhibición dun torneo medieval por parte do grupo de especialistas de Hípica Celta. Estes cabaleiros, habituais en celebracións como a Festa da Historia de Ribadavia, ofreceron un emocionante espectáculo.

Te puede interesar