A Insua dos Poetas, marco do magosto en lingua galega

Nenos e maiores disfrutaron dunha xornada de festa con música, xogos e boa gastronomía

A Insua dos Poetas acolleu onte a numerosas familias que participaron na celebración do II Magosto Nenas e nenos na lingua propia. Os asistentes disfrutaron desta paraxe natural e cultural, con xogos e atraccións ecolóxicas para os máis pequenos, ademais de lotes de libros infantís e xuvenís.

Tampouco faltou a música con Pele Pau e o DJ Tibu, que amenizaron a celebración desta tradicional festa.

Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, organizadora do evento, explicaba que con esta iniciativa “trátase de potenciar a tradición do Magosto, tradición formente enraizada, dándolle máis potencialidade, quitándoa do ámbito local e familiar e adecuándoa ao século XXI”.

Nese sentido, a fundación decidía dedicarlle esta celebración aos nenos. “Nos colexios, os profesores inciden nestas celebracións como os magostos ou o entroido e a nosa idea é darlle unha dimensión máis actualizada, que teña unha parte lúdica con xogos pero tamén musical e tamén concentrando a colaboración que ofertamos aos alcaldes da comarca para que teña máis transcendendia e participación”, engade González Tosar. Ademais, apunta que o marco da Insuta dos Poetas “préstase magníficamente porque é un espazo aberto e natural, e así llo trasladamos á Deputación e a Xunta”, indica o presidente da fundación, que conta co apoio de ambas institucións, ademais dos concellos de Carballiño, Maside, O Irixo e Boborás.

Desta maneira, Luis González Tosar destaca que é “un magosto en lingua galega no que prevalece o aspecto cultural, con libros e xogos didácticos, e co obxectivo de que consiga despertar nos máis novos o interese por esta celebración e o interpreten desde unha perspectiva actual”.

Colaboracións

Entre os asistentes, estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; o alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira e a concelleira de Igualdade e Educación do Carballiño, Guadalupe Sobrado. 

Tampouco faltou a parte gastronómica, moi tradicional da Festa do Magosto, con chourizos, pan, bica, castañas e bebida. A entrada foi gratuíta e totalmente aberta ao público, aínda que con protagonismo para os nenos, e os organizadores decidiron celebrar esta segunda edición, precisamente despois do éxito logrado o ano pasado, no que se puxo en marcha esta experiencia festiva.

Te puede interesar