A organización promove un obradoiro de efectos especiais impartido polo técnico Ricardo Spencer

A ‘Mostra de teatro amador’ de Tiruleque dobra orzamento e selecciona a seis grupos

Ricardo Spencer, no obradoiro que impartiu o pasado ano. (Foto: Martiño Pinal)
A segunda edición da ‘Mostra de teatro amador’ celebrarase no Carballiño do 5 de outubro ó 16 de novembro no Auditorio municipal e con novidades. Entre elas, a ampliación de catro a seis compañías e un orzamento que roldará os 8.000 euros. A convocatoria xa está aberta.
Organizar unha actividade cultural no Carballiño non é unha tarefa fácil, e se o que se trata é un festival aínda se complica máis a historia. E se por riba é de teatro, o traballo é moi delicado, tendo en conta que os seus promotores sempre teñen que estar a procura de financiación, independentemente dos hipotéticos ingresos procedentes da taquilla.

Iste é o caso da ‘Mostra de teatro amador Terras do Orcellón’, que organiza o grupo local Tiruleque e que acadará a súa segunda edición nos vindeiros meses de outubro e novembro. Os organizadores xa fixeron públicas as bases da convocatoria do correspondente concurso para a selección de compañías e obras. ‘Neste ano ampliamos a oferta de catro a seis grupos, que serán os que finalmente actúen no Auditorio municipal do Carballiño’, sinala Xosé Prada, responsable de Tiruleque e coordenador da organización.

Infraestructura

Pero no certame non hai premios en metálico, ‘xa que cada compañía das seis que elixamos recibe 900 euros da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta en concepto de pago do caché pola súa actuación’. E os organizadores sempre teñen que estar pendentes ‘de que o organismo correspondente abone en tempo e forma as cantidades comprometidas, este ano 5.400 euros, e que moitas veces hai que adiantar ata que chegue a subvención’.

O apoio do Concello do Carballiño é tamén importante, ‘poñendo a nosa disposición o auditorio e encargándose de aboar as dietas das compañías que par ticipan’, apunta Xosé Prada.

Ademais, a Concellería de Cultura tamén subvenciona ‘un obradoiro de efectos especiais que impartirá o técnico Ricardo Spencer’. Un cualificado especialista que xa estivo o ano pasado nas Xornadas de Cine e Vídeo do Carballiño (Xociviga). ‘Spencer transmitirá os seus coñecementos ós directores, actores e maquilladores do mundiño do teatro amador galego’. O orzamento do festival roldará os 8.000 euros, dobrando a cantidade presupostada en 2007 e co gallo de mellorar o programa.

Te puede interesar