Nace o xornal 'Piñor Times', elaborado por escolares

Un grupo de 13 rapaces de entre 7 e 14 anos do municipio de Piñor vén de elaborar e publicar 'Piñor Times', un xornal que recolle historias, reportaxes sobre outras culturas, curiosidades e pasatempos para unha lectura amena. Ó longo de 24 páxinas, e baixo a coordenación de Tania Rodríguez, educadora familiar do Concello, cada un dos cativos encargouse de levar adiante a súa sección, 'o que supón un gran traballo pero tamén moita satisfacción ó velo publicado, pois foi elaborado do seu puño e letra', apunta o alcalde, Francisco Xosé Fraga.
Este xornal contou co patrocinio da imprenta Arimgraf do Carballiño, que imprimiu un total de 150 copias para que poidan ser distribuidas polo municipio, aínda que tamén será publicada na páxina web do Concello para a súa consulta.

A presentación oficial de 'Piñor Times' terá lugar este venres, ás 19,30 horas, no local social da localidade de Cotelas. Nesta mesma sede, as nenas e nenos da Escola de Teatro municipal escenificarán a obra 'Uxío e Uxía: unha historia de amor imposible'. Como cada ano, trátase dun acto co que se clausura o programa de actividades infantís do verán e que sempre ten un marcado carácter solidario. Nesta ocasión, para a recollida de tapóns de plástico para axudar a unha nena coruñesa enferma.

Te puede interesar