ROTEIRO

Un novo Roteiro Cultural por Laxas xuntou a 50 participantes

O inicio da visita foi no Souto de Laxas, onde o historiador Xosé Luis Sobrado falou da vinculación deste lugar co Mosteiro de Acibeiro

Un total de 50 persoas participaron este pasado domingo no Roteiro Cultural pola parroquia de Laxas, en Boborás, guiadas por membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas. O inicio da visita foi no Souto de Laxas, onde o historiador Xosé Luis Sobrado falou da vinculación deste lugar co Mosteiro de Acibeiro. Tamén fixo mención á existencia dunha pintada, que posiblemente sexa a máis antiga de España, que está na antiga casa do que era alcalde en 1923, Jesús Janeiro, na que reza “Viva Calvo Sotelo”, feito que se remonta a ese ano no que o político deu o seu mitin no lugar.

Xa adentrados na natureza, o biólogo Diego Reboredo mostrou os restos de dous castiñeiros centenarios. Na zona do Castelo, no medio dun bosque de carballos, o arqueólogo Jorge Lamas explicou xunto co investigador e mestre Juanjo Álvarez un petróglifo con cazoletas que se atopou recentemente, e que ten 3.500 anos.

A continuación, a visita transcorreu polo núcleo de Laxas, onde os participantes coñeceron a súa importante arquitectura ligada ao sector do viño. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de ver dúas tumbas antropomorfas datadas do Alto Medievo, rematando na igrexa de San Xoán de Laxas, de orixe románico, pero que ten moito do Barroco tras as obras a que foi sometida. 

Te puede interesar