O PSdeG reclama a convocatoria de pleno ordinario

O PSdeG do Carballiño referiuse a que o alcalde, Argimiro Marnotes, leva máis de dous meses sen convocar pleno ordinario, "polo que está a incorrer nunha ilegalidade", segundo indica este grupo da oposición, matizando que o fai “nun exercicio de escapismo, para evitar enfrontarse aos problemas da cidadanía e debater sobre eles”.

Os socialistas consideran que o alcalde tenta así evitar as preguntas da oposición e as protestas da cidadanía por temas que causaron moita polémica nos últimos meses. “É capaz incluso de chegar a cometer unha ilegalidade pola súa covardía para enfrontar a situación”, afirma o PSdeG. Afirman os socialistas que "Marnotes tenta así evitar debater sobre temas como a reapertura do matadoiro, o futuro dos xulgados, a falta de servizos de emerxencias, ou a situación das traballadoras de axuda a domicilio, entre outras; que forman parte das mocións presentadas pola oposición".

Nese senso, sinalan que “o alcalde quítalle así aos cidadáns a posibilidade de expresar as súas queixas e debater sobre cuestións que lles preocupan, eludindo a súa responsabilidade”.

Para hoxe está prevista unha sesión de pleno para a selección dos membros das mesas electorais e no que se inclúe algún asunto de trámite, pero ningunha moción.

Te puede interesar