Ensaian tódolos días para bailar o domingo na ‘Festa das Mudaciós’ desta parroquia de Boborás

Oito rapaces reviven a Danza de Xuvencos

Catro parellas de xóvenes do municipio de Boborás están a ensaiar a ancestral danza que se escenificará o vindeiro domingo co gallo da ‘Festa das Mudaciós’ da parroquia de Xuvencos. Sete dos rapaces é a primeira vez que participan nesta actividade e aseguran que ‘non son moi difíciles os movementos, só hai que fixarse un pouco’.
O patio do colexio público de Boborás acolle dende marzo os ensaios da ‘Danza de Xuvencos’. Un grupo integrado por catro mozas e catro mozos do municipio animáronse este ano -a maioría por ‘recomendación familiar’a revivir un espectáculo do folclore máis ancestral de Galicia que non se escenificaba dende 2002.

Dende as nove e media da noite, e baixo a dirección de María Xosé González, as catro parellas de rapaces afánanse durante dúas horas na aprendizaxe da coreografía que o vindeiro domingo deberán representar no transcurso da tradicional ‘Festa das Mudaciós’ de Xuvencos. Unha celebración que recibe o seu nome polo intercambio das imaxes da patrona Santa María e a súa prima Santa Isabel, que no primeiro domingo de maio ocupan, respectivamente, a capela de Boborás e a igrexa parroquial de Xuvencos, e que, no segundo, retornan ás súas sedes.

Un baile que está composto de catro partes diferenciadas: ‘O paso’, que inclúe unha reverencia á Virxe; ‘as muiñeiras’; ‘o paleado’, onde os oito danzantes chocan uns paus de madeira, para rematar co ‘entrenzado’ dunhas cintas ó redor dunha pértiga coroada coa figura do ‘xigante’, un boneco articulado que move brazos e pernas ó son da música das gaitas.

Interés

Durante un mínimo de dúas horas, os rapaces de Bobóras, axudados dunha gravación musical, tentan perfeccionar os movementos e a súa arte no manexo das castañolas e das cintas. Entre todos eles, sete son novatos na práctica da danza, aínda que sinalan que ‘cando xa estás acostumado non é moi difícil aprendela, só hai que fixarse un pouco e estar ben concentrado’. Neste sentido, María Xosé González apunta que ‘dende o primeiro momento colléronno con interés e non houbo ningún problema’. A cita será a partires das 10,30 horas, cando se poña en marcha dende Boborás ata Xuvencos a procesión coa Santa María.


Te puede interesar