Roteiro de Carlos Montes para coñecer as orixes da vila

Os participantes percorrerán en dúas horas algúns dos lugares máis significativos do casco urbano

Coincidindo co remate das festas patronais de San Cibrao, o Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza o próximo domingo, 18 de setembro, un roteiro cultural que se desenvolverá polo casco urbano e que estará guiado polo historiador Carlos Montes Marqués.

Esta iniciativa, que conta co patrocinio da Adega Pazo Tizón e a colaboración do Concello do Carballiño, enmárcase no programa de actividades desenvolvido polo Centro de Estudios Chamoso Lamas ao longo deste ano e que continuará os días 7,8 e 9 de outubro coa celebración do XII Congreso do colectivo cultural carballiñés.

O roteiro comezará ás 12,00 horas no patio da Residencia Irmáns Prieto e percorreranse algúns dos lugares máis significativos do casco urbano carballiñés vencellados coa historia da vila. Ao remate do roteiro, sobre as 14,00 horas, ofrecerase aos participantes un viño e unha tapa de empanada por xentileza da Adega Pazo Tizón.

O historiador Carlos Montes Marqués, integrante do Centro de Estudios Chamoso Lamas, é o autor do traballo titulado “As orixes do Carballiño (1600-1750)”, que foi publicado no número 3 da revista Argentarium, e que contén un exhaustivo acopio documental sobre as circunstancias históricas que deron lugar ao nacemento do Carballiño, incluindo as redes de comunicación, os lugares como o barrio de Flores ou Porto Carreiro, as disputas xurisdicionais, entre outros aspectos.

Te puede interesar