'Bioterra' oferta este domingo unha serie de productos e cosmética ecolóxicos na Praza Maior

A segunda feira ecolóxica convoca a 25 productores

A asociación cultural Pepa Loba, coa colaboración do colectivo A Landra, organizan o vindeiro domingo a segunda edición de 'Bioterra', unha feira onde se conxugan a ecoloxía, o consumo responsable e o comercio xusto, que se celebrará na Praza Maior do Carballiño.
Iste recinto acollerá dende as 11,00 ata as 21,00 horas un total de 25 postos de mostra e venda de productos de particulares e empresas chegadas de toda Galicia. Viño, queixo, mel e artesanía variada das catro provincias son, entre outros, os elementos fundamentais deste evento, 'que ten coma obxectivo revalorizar e dar a coñecer os productores ecolóxicos, ademais de implicar ás persoas nun consumo responsable', subliña Darío Rodríguez, da organización.

O programa de 'Bioterra' completarase cun taller de cosmética natural, que se impartirá a partir das 18,00 horas, e no que se ensinará cómo se pode tratar a pel ó traverso do uso de diferentes prantas mediciñais e aromáticas. A continuación, Ricardo Paz, do grupo A Landra, manterá unha charla e un coloquio baixo o nome 'Dende a horta á mesa', a fin de amosar experiencias de cultivos alternativos, coma é o caso da 'horta ecolóxica' creada na finca do novo Centro de Interpretación da Natureza do Carballiño.

Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo García, destacou as visitas que hoxe farán os alumnos dos colexios Calvo Sotelo e Sagrado Corazón a eses terreos, 'nos que os estudantes están a traballar tódolos martes pola tarde, co resultado de que xa obtiveron pementos e tomates para o seu consumo'. A asociación Pepa Loba xa prepara para o seguinte domingo, 12 de xuño, o mercadiño bimensual de materiais en desuso, unha especie de 'rastro' que se desenvolve na Eira de Flores.

Te puede interesar