O taller de emprego de Boborás creará un sendeiro ata o encoro de Albarellos

A tramitación dun taller de emprego para o Concello de Boborás aínda está pendente na Xunta, según apuntou a tenente de alcalde deste municipio, Eva Pardo, unha vez feitas as modificacións esixidas pola anterior Consellería de Traballo. A tamén concelleira de Cultura e Medio Ambiente sinala que ‘houbo que cambiar un convenio con Renfe para a cesión do almacén da estación de ferrocarril ubicada en Xuvencos, co obxectivo de transforma-lo edificio nun centro social para os veciños’.
O proxecto de formación laboral, que durante un ano contempla módulos de cantería, carpintería e restauración forestal para un total de 30 desempregados maiores de 25 anos, supón un investimento aproximado de 500.000 euros, dos cales o 80% estaría financiado pola actual Consellería de Traballo e Benestar, ‘que na actualidade está a ultimar o estudio de viabilidade e a consignación da partida orzamentaria correspondente’, indicou Eva Pardo.

Miradoiro

Nos traballos programados do taller de emprego inclúese a recuperación de catro antigas adegas nas localidades de Tamán e Tumbelo, parte delas anegadas pola construcción do encoro e da central hidroeléctrica que levou a cabo Unión Fenosa na parroquia de San Miguel de Albarellos. Tamén se proxecta un sendeiro entre Pazos de Arenteiro polas marxe do río Avia ata esta paraxe natural, con remate nun miradoiro, ‘no que os turistas poidan apreciar a paisaxe das beiras do encoro, ademais de servir como área de descanso para os pescadores que se achegan ata ela’, comenta Eva Pardo.

Te puede interesar