Os traballadores de Emerxencias de Carballiño piden mellores equipamentos

Grupo de Emerxencias do Carballiño
photo_camera Grupo de Emerxencias do Carballiño
O concelleiro de Seguridade anuncia que convocará mesa de negociación en dúas ou tres semanas

Unha representación dos traballadores do Servizo Municipal de Emerxencias do Carballiño asistiu ao último pleno ordinario para “reclamar unha vez máis, e ante a pasividade do goberno municipal, a convocatoria dunha mesa de negociación e que se resolvan as demandas do servizo”, sinalan.

Unha vez finalizada a quenda de rogos e preguntas, no espazo de participación cidadá, un dos traballadores solicitou a palabra para expoñerlle ao alcalde “as demandas que se negan a escoitar por outros cauces, tanto escritos como verbais, ao que o Sr. Fumega se negou dicindo que as cuestións deben plantexarse por escrito previamente. Acto seguido o grupo de goberno fuxiu do salón de plenos sen dar ningunha explicación máis ante a mirada atónita da oposición”, apuntan os traballadores.

O concelleiro de Seguridade, Alberto Otero, declaraba onte que “imos convocar a mesa de negociación”, matizando que están recopilando para elo a información e datos que precisan, e insistindo que en dúas ou tres semanas será convocada. O edil sinala que nesa reunión intentarase un acordo pero que os traballadores teñen que ter en conta que “non son bombeiros como pretenden, son peóns. Piden cousas específicas dos bombeiros e a lei non os recoñece, nin xiquera aos GES. Daráselle o equipamento necesario, para o que chegaremos a un acordo, e en función da súa capacitación profesional”.

Te puede interesar