A 'Festa das Parroquias' reuniu en Costoia a 300 carballiñeses

Os veciños celebraron a xornada de convivencia

Un grupo de comensales. (Foto: Jainer Barros)
Un domingo soleado favorece a afluencia de persoas de diferentes colectivos veciñais á décimo octava edición da 'Festa das Parroquias' do Carballiño, que se celebrou onte na localidade de Costoia de Lobás promovida polo Concello coa colaboración da Federación de Asociacións de Veciños do municipio.
Unha carpa instalada ó caron da antiga casa rectoral da parroquia de Santa Uxía, a seis quilómetros da vila do Arenteiro, deu cobixo a 300 comensais, a meirande parte representantes das entidades sociais. Tamén asistiron o alcalde, Carlos Montes, e os voceiros da oposición Argimiro Marnotes (PP) e Manuel Amil (BNG), entre outros edís da Corporación.

A xornada abriuse ás 14.00 horas coa entrega do 'ramo' da festa por parte da asociación de Veiga (que foi sede o ano pasado) á deLobás, e un concerto da Banda Escola Municipal de música. A continuación, comezou o xantar de confraternidade, con platos de empanada, pulpo e carne ó caldeiro; viño, bica, café e licores, todo elo a un prezo de 15 euros.

O presidente do colectivo anfitrión, Eugenio Fernández, valorou a presencia dos veciños á vez que lles desexou unha boa estadía na localidade. Unha vez rematada a comida, os organizadores colocaron no campo da rectoral a infraestructura necesaria para a disputa de xogos tradicionais como a chave e o turrasoga, nos que compitiron equipos das asociacións presentes.


UBICACIÓN

A velada prolongouse ata a noite, cun baile amenizado polo grupo musical 'Trío Lúa'. Esta é a segunda ocasión na que Lobás acolle este festexo de convivencia, sendo a primeira que repite o turno da organización do ano 1998. Alguns dos asistentes criticaron a ubicación da festa, xa que preferían o marco natural do Monte da Madanela, unha 'carballeira' situada na mesma parroquia.

Te puede interesar