O acceso ó balneario de Laias será reformado

A Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou as obras de mellora da estrada local de acceso á área termal de Laias, en Cenlle. O contrato contempla unha inversión de 158.996 euros e a obra execútase en base a un convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras e o Concello de Cenlle o pasado mes de abril, polo que a administración autonómica se comprometeu a aportar ata 150.000 euros (o que supón un 80% do orzamento polo que se licitaron as obras), e o Concello Cenlle aportará ata 37.800 euros (o 20% restante).

Os traballos, que están previstos inicialos a finais do verán, consistirán na rehabilitación do firme, na mellora dos sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais da calzada e na reordenación da sección da estrada para a mellora da seguridade viaria diferenciando os tráficos rodado e peonil.

O reducido ancho do espazo dispoñible foi determinante no deseño da obra que se executará, optando por unha calzada de 4 metros na que se permitirán os dous sentidos de circulación e a execución de sendas peonil de anchos variables. Ao remate da actuación, o Concello de Cenlle será o responsable da conservación e mantemento, tal e como se recolle no convenio asinado.

Compre destacar a importancia do acondicionamento deste acceso porque é o único que ten o Balneario de Laias, que enlaza coa N-120, e que non dispón de beirarúas.

Te puede interesar