Castrelo conxela todas as taxas e baixa un 12% o recibo da auga

O Concello de Castrelo de Miño conxela todalas taxas municipais para o 2014 e non aplicará a subida do IPC, segundo o acordo que adoptou o pleno de onte.
Aprobouse, ademais, a modificación da ordenanza de xestión integral do ciclo da auga, ampliando o límite de consumo mínimo de 10 a 15 metros cúbicos por mes, o que suporá un aforro estimado do 12% no recibo da auga para os usuarios. A proposta da Alcaldía sobre a conxelación das taxas só contou cos votos a favor do equipo do goberno do BNG, e a abstención dos representantes do PP e do PSOE. Mentres que a modificación da ordenanza da xestión integral do ciclo da auga foi aprobada cos votos a favor do BNG e do PSOE, e a abstención do PP.

No transcurso do pleno, o alcalde, Xurxo Rodríguez Méndez, lembrou que 'desde a chegada ao goberno do BNG no ano 2007, non se aplicou ningún ano a subida do IPC, o que xa supón de por si, un aforro acumulado do 14,7% en todas as taxas municipais'.

O rexidor tamén puntualizou que 'as ordenanzas conxélanse para os veciños, pero plantámoslle cara ás grandes empresas que se aproveitan do noso territorio para as súas actividades aplicándolles a estas os tipos máximos que permite a lei'.

Te puede interesar