A campaña de consumo local desenvolverase ata o día 26, coa distribución de 14.000 boletos

Os comerciantes repartirán 3.000 euros ós seus clientes

José María Seijas, Marcos Blanco, María José García, Aurelio Gómez Villar e Enrique Marticorena. (Foto: MARCOS ATRIO)
As persoas que acudan a mercar nas tendas dos Establecementos Asociados de Ribadavia terán a oportunidade de gañar dúas tarxetas de 300 euros e outras 24 de 100 euros en vales de compra, dentro da campaña 'As compras na túa vila teñen premio', promovido pola Federación Galega de Comercio, coa colaboración de Novacaixagalicia e La Región.
A campaña, que foi presentada na tarde de onte na capital do Ribeiro nunha carpa instalada na praza da Fonte de Prata, repartirá un total de 14.000 boletos entre os clientes, dende hoxe e ata o vindeiro 26 de febreiro, para participar no sorteo global dos 3.000 euros.

Ó acto asistiu o alcalde, Marcos Blanco; o delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e o presidente da federación, José María Seijas, quen subliñou que 'este ano, a campaña desenvolverase en oito localidades galegas, entre elas as ourensáns de Celanova e Ribadavia, así coma foi no Carballiño o ano pasado'. O rexedor apuntou que 'é importante apoiar este tipo de campañas para reforzar o tecido comercial na nosa vila, e ogallá houbera moitas máis'. María José García, presidenta da asociación de comerciantes, agradeceu ós presentes 'que pensaran en Ribadavia para acoller esta iniciativa, que beneficiará ó sector nestes tempos de crise'.

Rogelio Martínez destacou, pola súa banda, que 'o comercio galego está formado por autónomos e pequenas empresas que dan emprego directo e potencian a economía de vilas e pobos'. O sábado día 26 celebrarase unha xornada de festa, que comezará ás 11,00 horas con pasarrúas de malabaristas, zancudos e pallasos para o público infantil, que continuará pola tarde.

Dende as 17,30 horas, nunha carpa instalada na Alameda da vila, haberá un espectáculo de maxia cómica e a actuación da cantante Lucía Pérez. A partir das 19,00 horas celebrarase o sorteo dos 3.000 euros e a correspondente entrega de premios.

Te puede interesar