Os profesionais de Ribadavia recolleron máis dun cento de sinaturas entre os clientes

O gremio do taxi desexa trasladar a parada actual

Actual parada dos taxis.
Os propietarios do servizo de autotaxi de Ribadavia presentarán na vindeira semana no rexistro municipal un escrito no que solicitan o traslado da parada de atención ó público, ubicada actualmente xunto á praza da Alameda. A petición estará acompañada de máis dun cento de sinaturas, recollidas neste mes polos 10 taxistas entre os seus clientes habituais e usuarios do contorno.
'A ubicación da parada non é idónea, xa que está na parte máis alta e alonxada do casco urbán, mentres os establecementos comerciais e de hostelería, a Praza de Abastos e as entidades bancarias están na zona baixa', sinala Celso Sotelo, voceiro dos taxistas. Engade que 'por ise motivo, recibimos a cotío queixas dos nosos clientes, xa que se ven na obriga de subir a pé pola rúa Progreso para acceder á parada ou molestar ós comerciantes para pedir por teléfono que se achegue un taxi ata onde están a facer as súas compras'.

Os taxistas consideran que o estacionamento fixo dos seus vehículos 'sería máis lóxico cara abaixo a partires da Praza de Abastos -situada á metade da rúa Progreso- co obxectivo de facilitarlles o servizo tanto a veciños como a visitantes', apunta Celso Sotelo.

Os autónomos que ofertan os seus automóbiles para viaxes lembran que o Concello de Ribadavia eliminou a antiga parada da rúa Progreso 'porque provoca trastornos na circulación vial'. Nembargantes, indican que 'agora o problema aínda é máis grave a nivel de tráfico, xa que temos que baixar para recoller os clientes, facer o servizo e logo retornar cara a Alameda'. Os responsables municipais manifestaron a súa intención de 'estudiar a proposta, e buscar alternativas para unha nova parada, sempre contando co consenso do gremio do taxi'.

Te puede interesar