O novo director da 25 Mostra de Teatro asume o reto da homenaxe a Rubén García

Marcos Blanco, Roberto Pascual e Anxo Collarte. (Foto: Martiño Pinal)
O novo director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, pretende profesionalizar a organización, imprimirlle máis calidade ó evento e tamén incrementar a súa proxección internacional. Neste 25 aniversario rendirase homenaxe o seu predecesor, Rubén García.
O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e o concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, presentaron ó novo director da Mostra Internacional de Teatro, Roberto Pascual, como a persoa máis idónea para asumir o reto de profesionalizar a organización do evento, imprimirlle máis calidade e incrementar a súa proxección internacional. Roberto Pascual (Carballiño) é licenciado en Filoloxía Galega, posgraduado en Arte Dramático, e na actualidade, entre outros traballos, exerce de profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

A MIT está prevista entre os días 17 e 26 do mes de xullo con un doble motivo de celebración, xa que rendirá homenaxe ó anterior director fallecido, Rubén García, e o mesmo tempo cumprirá o seu 25 aniversario de posta en funcionamento. Deste xeito, Roberto Pascual, adiantou algunhas das novidades de esta nova edición como son a presentación dun libro adicado a Rubén García e a publicación dos textos premiados co Premio Abrente de Teatro na editorial Difusora.

Por outra banda, no acto de presentación anunciouse a intención de duplicar o presuposto do pasado ano (120.000 euros) e para elo preténdese contar con entidades patrocinadoras, que poderán aportar unha cantidade mínima de 2.500 euros, e benefactores, con aportacións libres, que recibirán a cambio publicidade a través de diversos medios. A esto engadiranse as axudas institucionais, que se xestionan nestes intres.

Roberto Pascual tamén anunciou a creación dun consello asesor da MIT, integrado por diferentes profesionais ligados ás artes escénicas, e a próxima presentación dun plan estratéxico plurianual (2010-2014) que establecerá obxectivos para sucesivas edicións.

‘A Mostra de Ribadavia é a proxección máis importante das artes escénicas galegas’, sinalou Roberto Pascual, quen anunciou a presenza de espectáculos diversos e de máxima calidade, ademáis de unha apertura e unha clausura con dúas grandes produccións de artistas escénicos de recoñecida talla internacional. Asemade, insistiu en que ‘é necesario profesionalizala porque a Mostra é un servizo público, as artes escénicas é o ocio tamén son un servizo público’.


Te puede interesar