O RIBEIRO

O PP cre útil un servizo de gardería en Ribadavia

Estaría aberto dende as 7,30 horas ata a entrada dos nenos no colexio, e tamén ofertaría almorzos saudables ás familias

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno do mes de xullo, na que insta ao equipo de goberno á creación dun centro de conciliación familiar, que consista nun servizo de gardería dende as 7,30 horas ata a entrada no colexio, ademais dun servizo de almorzo saudable para aquelas familias que o demanden.

Ó respecto, o voceiro dos populares, César Fernández, apunta que "a implementación dun servizo destas características pode ter unha doble utilidade xa que, dunha banda, contribúe a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, e, doutra, pode permitir atraer familias da contorna con cativos en idade escolar que poidan estar interesadas". O mesmo concelleiro sinala que "parece de xustiza que Ribadavia ofreza aos seus veciños un servizo coma este, xa que ante o reto demográfico que temos por diante" a súa implantación pode axudar ao asentamento de novas familias no municipio.

Os populares salientan que "existen servizos de conciliación noutros concellos da contorna que funcionan cunha alta calidade de prestación, e que teñen moi contentos aos pais e nais".

Te puede interesar