Ribadavia contará con un novo itinerario peonil

Noelia Rodríguez e Javier Herrero en Madrid.
photo_camera Noelia Rodríguez e Javier Herrero en Madrid.
A actuación estará subvencionada polo Estado e comezará este ano

O Concello de Ribadavia celebra o compromiso do Goberno central para comezar a executar, este mesmo ano, unha senda peonil na estrada N-120, entre os cruces de Franqueirán e da Torre. Así o manifestou Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, tras un encontro onte con Javier Herrero, director xeral de Estradas, na sede do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

Na reunión, Rodríguez e Herrero analizaron un proxecto moi demandado pola veciñanza de Ribadavia, polo que o representante do Mitma manifestou o seu compromiso coa rexedora municipal para o financiamento das obras que mellorarán a confortabilidade e a seguridade dos desprazamentos dos peóns, nunha estrada cun importante volume diario de tráfico rodado.

Para o proxecto, que será executado en varias fases e estará comezado antes de que remate o ano, o “Ministerio habilitará os fondos necesarios para continuar coa execución da senda ata o cruce da Torrre, co fin de habilitar un itinerario peonil completo, confortable e seguro ata o núcleo urbano da vila”, explican dende o Concello, os que tamén destacan a “boa predisposición e a incontestable sensibilidade do Mitma cos proxectos da vila, xa que, ao remate do encontro, quedou patente o sólido compromiso para facer realidade unha obra demandada dende hai moitos anos”.

Ademais deste asunto, Noelia Rodríguez tamén tratou co director xeral de Estradas a execución de dúas rotondas nesta mesma estrada, concretamente nos cruces de Franqueirán e O Serralleiro. As dúas administracións acordaron actualizar o proxecto existente, polo que quedaron emprazados a vindeiros encontros para pechar a execución desta actuación.

Te puede interesar