Vinte adultos de Castrelo estudiarán o graduado

O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, promulgou un bando no que anuncia un curso de formación para adultos, ó abeiro da convocatoria das axudas que concede a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para solicitar actividades deste tipo nos concellos.
O rexedor nacionalista subliña que 'dende o concello tentarase formar un grupo de 20 persoas para obter o título de graduado en Educación Secundaria mediante a presentación ás probas que anualmente convoca a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, así como para actividades que teñan como obxectivo a alfabetización de inmigrantes en lingua galega e castelá'.

O curso terá unha duración de 240 horas lectivas, e a duración da actividade en ningún caso será inferior ós seis meses, para rematar antes do día primeiro de outubro deste ano. Xurxo Rodríguez comenta que o prazo de presentación de solicitudes no Concello estará aberto ata o vindeiro día 31 de xaneiro, 'e para anotarse neste listaxe, os interesados deberán acudir as oficiñas municipais en horario de 9,00 a 14,00 horas, provistos do seu DNI'.


COMPOSTAXE

Por outra banda, e dentro da 'Campaña de minimización de residuos' que leva a cabo o Concello de Castrelo coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, prográmanse tres cursiños de compostaxe caseiro en tres localidades do municipio, todos eles ás 17,00 horas. O primeiro desenvolverase no local da Asociación Cultural 'Penedo da Forca', en Prado de Miño; o segundo, o 5 de febreiro no Albergue de Barral, e o último, o 19 de febreiro no Centro Social de Macendo. Os veciños que desexen participar deberán chamar o teléfono da Casa do Concello, tendo en conta que o número de prazas é limitado.

Te puede interesar