ENTREVISTA

Afonso Vázquez: "Sempre digo que en política lingüística ninguén mellor que o xefe de Cocacola"

Vázquez Monxardín
photo_camera O novo académico da RAG Afonso Vázquez-Monxardín.

O novo académico correspondente da RAG explica os seus sentimentos e sensacións despois de que o pleno da institución aprobase a súa integración

O ourensán Afonso Vázquez-Monxardín convertiuse en académico correspondente da RAG o pasado venres, despois de que o pleno da institución votase favorablemente a súa candidatura. Así, o catedrático de lingua galega no instituto As Lagoas, colaborador de La Región e secretario da Fundación Otero Pedrayo pasará a ser o único membro da institución académica que reside actualmente na capital ourensá.

Que supón o seu nomeamento na Real Academia Galega?

Dentro do organigrama da institución hai tres categorías: membros de honra, numerarios -os que votan nos plenos- e os correspondentes -que viven tanto no territorio galego como fóra del-. Nós, os correspondentes, axudamos no que podemos á Academia dende as nosas cidades. 

É, nestes momentos, o único membro que vive en Ourense.

Si, é algo que teño sinalado moito, porque despois da morte de Marcos Valcárcel e de Victor Campio Pereira non había ninguén que vencellase a institución á cidade. Para min non é tan importante o número de ourensáns que haxa na academia, porque non é un tema de cuotas territoriais, senon ter unha ligazón coa actividade cultural de aquí. Eu estou aí para o que faga falta dende Ourense. 

Tanto a RAG como as fundacións de escritores galegos buscan manter a cultura propia, como é posible facelo hoxe en día?

É necesario adaptarse ao momento actual de cambio a todos os niveis, as formas de comunicación da cultura teñen que ser outras. Hai que dar coa fórmula de que a sociedade máis consciente sexa capaz de entrablar relación coa menos consciente, pero sin ser pesados. Temos que ser capaces de seducir, a tarefa de conservación pode facerse dende diversos estilos. 

E para chegar aos máis novos?

Hai que dar coas linguaxes que trasmitan unha comunicación efectiva coa xente nova, e claro,  teñen que ser as mesmas que utilizan eles. Non podemos pretender que os mozos de hoxe teñan a actitude que tivemos nós na Transición, desa militancia ou desa paixón polo libro. Esto é outro mundo distinto que temos que analizar para saber comunicarnos con el. 

Ten moita relación cos centros galegos de América do Sur, como valora a situación da cultura galego alí, décadas despois da emigración?

A colectividade que existe vai a menos, en vez de ir a máis, pero están os fillos e os netos. Por exemplo, en Bos Aires teñen a escola Santiago Apóstol que veñen aquí todos os anos e dan clase de galego. Neses países existen  comunidades onde unha boa parte dos seus membros manteñen a identidade, non como os avós pero doutra forma. Dun xeito ou de outro, Galicia sigue alí presente e viva. Se desaparecen os centros galegos atoparanse outras vías, sobre todo coas actuais facilidades de comunicación.

Daquela, é optimista coa preservación da cultura galega. 

Creo que teño o deber de ser optimista como ser humano. Todo cambia e claro que desaparecen cousas. A xente non sabe como se chaman en galego as diferentes partes do arado, e que? Que se escriban wasaps en galego? Ben. Que haxa o programa de OpenOffice ou o paquete de Windows en galego? Ben, por aí é por onde se vai. É todo un problema de persoas, non de institucións, se a xente quere unha cousa faina. Temos que seducila. Por iso sempre digo que para política lingüística ninguén mellor que o xefe de Cocacola España.

Necesítanse mellores capacidades de persuasión?

Mira a campaña de publicidade de "Vivamos como galegos" de Gadis, á xente encántanlle. A cousa é chegar ás persoas, ao final todos pensamos que vivimos no lugar máis bonito do mundo.

Te puede interesar