ENTREVISTA

Alexandre: "O camiño a ningunha parte onde se instala hoxe o nacionalismo galego é suicida"

jeto
photo_camera Alexandre Sánchez Vidal.

Alexandre Sánchez Vidal, que non pensa voltar de momento á política, fai unha dura reflexión sobre a situación do nacionalismo galego e chama á unidade das forzas de esquerda.

É un vello coñecido da política ourensá tralo seu paso polo Concello da cidade, primeiro como concelleiro na oposición e despois, como tenente de alcalde, no goberno bipartito de 2007. Agora que mira a cousa pública dende a distancia, Alexandre Sánchez Vidal, que non pensa voltar de momento á política, fai unha dura reflexión sobre a situación do nacionalismo galego e chama á unidade das forzas de esquerda.

Qué reflexión lle merece o futuro do nacionalismo de esquerdas en Galicia ante a aparición, por exemplo, de Podemos como terceira forza en Galicia?

Nos estamos equivocando porque nos perdemos nas curvas do camiño e non vemos máis alá. O nacionalismo galego ten que situarse na esquerda, pero eso non é berrar máis que os demáis. Temos que saber que bimbios temos na sociedade galega porque atópome cun labrego xubilado, aquel traballador da industria que agora ten os fillos en precario e unha grande parte da poboación no sector servicios, pero cunhas condicións de emprego  propias do século XIX. Neste contexto, o meu prantexamento é que a xente está interesada nun proxecto de esquerdas e máis que nunca. E hai enerxías e forzas, pero non podemos permitir a fractura de Anova, por exemplo; temos que ter capacidade de decidir e decidir  que as prioridades son a sanidade, a educación ou que a dependencia ha de estar antes que calquera outra cosa. Eso é ser de esquerdas, e non manifestarse cada secta tódolos días pensando que teñen razón.

Por qué esa perda de apoios para o nacionalismo en Galicia?

Hai sectores que se cren tigres de Bengala pero aso final os ven dende fora coma o Currupipi de Jesulín, que nin arrepía nin produce respeto. Esto me preocupa profundamente e creo que debemos ser capaces de crear unha organización común, de afiliación individual, sin estructuras intermedias que secuestren as vontades maioritarias e con espíritu inclusivo.

Qué vai pasar, entón, se non se pon freo a esa fragmentación?

Se non son capaces de organizarse entre eles, que busquen na sociedade civil xeitos de organización, como as mareas, espacios onde poden ir persoas a título individual.

Vostedes respáldaas, entón.

Si, porque se os partidos non son capaces de xerar unidade, xenerosidade, de dar un programa decente para unha sociedade decente, unámonos ao que está a facer a sociedade. Eu colaboro con Ourense en común, e este tipo de novas organizacións nos achegan moitísimas cousas e nos achegamos outras. De aí xurde un saber común. Se non creamos espacios de confluencia e cada un ten que estar na súa secta, polo menos confiemos nela, como fan os evanxelistas americanos, cada un está polo seu lado pero todos cren en dios e confían no dólar. Defenden, pois, algo común. Eu síntome moi cómodo aí porque ten unhas metodoloxías de traballo que algúns quixemos implantar pero non fumos quen de facelo na nosa formación. Dende logo, este camiño a ningunha parte onde está instalado hoxe o nacionalismo galego é suicida. Quintana falou moi acertadamente de que Galicia agora non conta no escenario político e estou dacordo pero se foramos capaces de formular un proxecto de esquerdas participativo, teriamos moito andado. Pero, insisto, non debemos adicarnos a berrear, nin falar de cuestións do século XIX. A xente di: nos aburrides. Normal.

Qué pensa da traxectoria que segue o BNG, formación na que vostede militou?

A xente do BNG é xente digna, traballadora, que merece tódolos meus ánimos pero se están equivocando cando menos coma mín.

Debe e pode nacionalismo galego ir cara o modelo catalán?

Non é comparable, en absoluto. Pero todo o proceso catalán evidencia a baixísima calidade da democracia española, que está por facer.

Cómo ve a perspectiva electoral na cidade?

Se por mín fora, non habería eleccións porque nunca tivemos unha corporación tan útil, educada e activa. É unha mágoa que haxa eleccións, a Corporación debería renovarse automáticamente. A ver, creo que vai haber novos actores aínda que non sei cales serán. O PSOE e o PP non son o mesmo no plano municipal pero son percibidos máis como o mesmo e a xente vai percurar cousas novas; por eso, esta sería unha oportunidade para o nacionalismo galego se tivera feito o que debería. Aí desaproveitamos o que deixou Nunca Máis, pero non tiñamos abertas as fiestras.

E cál sería o seu pronóstico?

Creo que o PP non vai poder gobernar; esperemos que o PSOE solucione o drama shakesperiano no que está inmerso e os outros actores ofrecen incógnitas. Non o vexo complicado se se ten moi claro o obxectivo que se pretende, un goberno que rompa coa letarxia, posibilitando un goberno de esquerdas que poña os resortes a favor da maioría social. E que te apoie a sociedade porque aí sínteste moi só. Así, o Concello sería perfectamente xestionable.

Vostede proxecta voltar á política en maio?

Non (ríe). A ver, as cousas están como están e hai que ser humilde. Ben é certo que a medida que se achegan as eleccións, hai xente que che pide que volvas, máis ou menos formalmente. Pero personal e radicalmente non o vou facer porque creo que non é o momento. Aínda que, é verdade, eu estaba cómodo aí e creo que fixen algo; modestamente, creo que fixen bastante, pero non é agora o momento.

Te puede interesar