Amoeiro pide aos veciños un menor gasto de auga

O consumo tense disparado a 1,6 millóns de litros ao día, e o alcalde teme que se poña en risco o sistema de bombeo

Amoeiro pide aos veciños un menor gasto de auga

O Concello de Amoeiro volveu activar as alarmas debido ao excesivo consumo de auga entre os veciños durante varios días seguidos, o que pode pór en risco o sistema de bombeo municipal.  Así, o goberno local vén de lanzar un aviso a todos os veciños para que reduzan drasticamente o seu consumo e evitar que a rede de abastecemento se sature e poida acabar queimándose. 

"Estamos a gastar 1.600.000 litros por día, e é preciso levantar o pé", indicou o rexedor amoeirés, Rafael Rodríguez Villarino, que cre necesario que a xente se "sensibilice", porque "os recursos non son ilimitados". 

Consideran urxente que os residentes controlen o gasto porque, aínda que non hai situación oficial de seca, o sistema de bombeo que se emprega "non dá máis". 

O ano pasado xa se tiveron que lanzar as mesmas advertencias e conseguiuse reducir o ritmo de consumo, impedindo así que se tivese chegado a cortar o suministro. 

Segundo explica Villarino, o máis grave que podería acontecer de continuar nesta tendencia "é que casquen os equipos e acaben quedando sen servizo", aínda que tamén sinala que "os consumos son altísimos, e repercuten nos petos de todo o mundo". 

Desde o Concello precisan que os motivos do incremento do consumo débense a unha "suma de factores", nos que tamén se atopa o feito de que no verán se incrementa o número de persoas que reside de forma habitual no municipio.