Amoeiro proxecta unha gardaría e un centro de día

José Luis González reuniuse cos directores xerais de Familia e Dinamización Demográfica.
photo_camera José Luis González reuniuse cos directores xerais de Familia e Dinamización Demográfica.

A construcción de ámbalas dúas infraestructuras supondría un investimento de máis de 1.300.000 Euros.

O alcalde de Amoeiro, José Luis González, reuniuse a semana pasada coa Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Consellería de Política Social para tratar a posta en marcha dun centro de día para maiores no concello. O proxecto precisaría dun orzamento de 870.000 euros e esta instalación permitiría dar resposta ás necesidades dos maiores. A infraestrutura tería capacidade para atender entre 20 e 25 persoas.

Por outra banda, na mesma reunión, tamén se presentaron os planos para unha nova gardaría infantil. O edificio, cun orzamento de 450.000 euros, atendería entre 10 e 15 menores de 0 a 3 anos de idade e melloraría as opcións de conciliación dos seus proxenitores.

O rexedor presentou ámbolos dous proxectos a Política Social na busca de financiación autonómica para abordar un investimento “moi necesario para Amoeiro” e que ascendería ata os 1.320.000 euros. Para xustificar a necesidade destas inversións no municipio, González presentou diante dos directores xerais da Xunta datos da poboación obxectivo destas infraestruturas. Por unha banda, o INE recolle que, dende o 2021, naceron no concello 14 nenos. Pola outra banda, hai 107 persoas maiores de 70 anos que viven soas en Amoeiro; cifra que medra ata os 183 se se rebaixa a idade ata os 65 ou máis anos.

José Luis González explica que “isto é só un primeiro plantexamento, aínda queda moito traballo para que sexa unha realidade”. Recoñece que “aínda non existe un compromiso firme por parte da Xunta a desenvolver este proxecto, mais a realidade dos datos dan a entender que é moi factible que poidamos acadar unha subvención”.

Sobre o emprazamento destas obras, estarían situadas en terreos que xa son de titularidade municipal ao carón do CEIP Otero Pedrayo. Esta ubicación permitiría ademais, segundo expón González, “unificar dalgún xeito esa atención aos máis pequenos do concello”. Por último, o alcalde fai fincapé na “madurez” do proxecto, resaltando que “está baseado en datos e xa ten planos, ubicación, orzamento…” ademais de subliñar a “importancia” que ámbalas dúas infraestruturas teñen para o municipio.

Te puede interesar