ENTROIDO

Barbadás abre o prazo para a foliada e os mecos do Entroido

A solicitude para participar en ambas citas poderá facerse ata o 1 de marzo.

O Concello de Barbadás vén de abrir o prazo para participar na foliada e no concurso de mecosdo Entroido 2019. A solicitude para participar en ambas citas poderá facerse ata o 1 de marzo. Nestes eventos, organizados pola Concellería de Cultura, poderá participar unha persoa ou un grupo delas –asociacións veciñais, culturais...–

O Concurso de Mecos celebrarase o 6 de Marzo ás 19,00 horas na Praza Vella (A Valenzá). Media hora antes, os mecos deberán estar situados nesa ubicación, onde se lles adxudicará un número identificativo para a decisión do xurado.

Os días anteriores ao concurso, os mecos poderán ser exhibidos nas diferentes parroquias e aldeas do municipio. O gañador recibirá 100 euros de premio. 

Haberá un xurado composto por tres persoas, máis unha en representación do Concello –esta con voz pero sen voto–  , que terá en conta á hora de valorar os participantes "calidades que respondan ao espírito do entroido, a creatividade e a retranca".

Por outra banda, a foliada será o martes 5, ás 17,00 horas, pola avenida de Celanova. Os participantes deberán estar ese día unha hora antes na rúa dos Carrís.  A cada grupo ou persoa inscrita adxudicaráselle un número coa orde de participación. 

O Concello de Barbadás reserva máis de 5.000 euros en premios, distribuídos en diferentes categorías. 

Te puede interesar